‘El tigre’, de John Vaillant

‘Unha historia real de vinganza e supervivencia’, di o subtítulo. Este libro fala de tigres, rusos e tamén moito do lugar onde estes se cruzan. Quen dos dous é o vingativo? Ambos, aínda que por motivos diferentes. Quen dos dous é o sobrevivente? Ambos, e por motivos moi semellantes.

Se cadra unha esixencia dos canons da narrativa actual: o morto nas primeiras páxinas. No noso caso: Markov, vítima dun tigre siberiano rancoroso. O suceso engánchanos á lectura, por suposto. Rapidamente na nosa imaxinación facemos números. Se o tigre é un asasino antropófago, este morto é só o primeiro. Vaillant fai un punto e aparte na narración deste suceso para fixar a súa atención sobre o lugar e a xente que o habita. Esta parte da historia gustoume tanto ou máis que os tráxicos encontros entre humanos e tigres.

Unha paraxe boreal cunha vexetación selvática, onde habitan insectos enormes, rica en recursos naturais que alimenta aos veciños, é tamén sometida a unha explotación irresponsábel e abusiva. A situación de penuria dos habitantes da zona non axuda a conservar o lugar nin aos tigres, desexados na moi próxima China polas súas supostas propiedades ‘medicinais’. Un lugar raiano, situado ao extremo do país, (Australia está máis cerca que Moscova), cunha poboación procedente de lugares moi afastados (Sant Petersburgo, Kazajstán,…), algúns coa experiencia de ter participado en guerras, onde existen Xamáns, onde o frío é extremo, e onde os homes son unha presa máis dos tigres. A descrición do lugar é un dos puntos fortes do libro, así como o retrato das xentes e de como sobreviven en condicións sociais e económicas máis que desfavorables.

‘Hoxe en día en Sobolonye dá a sensación de ser unha cápsula do tempo onde se conservan os efectos máis negativos da Perestroika’ (p. 337).

Neste contexto resulta inevitábel (e case comprensíbel) participar na caza furtiva de tigres, que a pesar de ser unha especie protexida, é cobizada e gustosamente recompensada no país veciño. O autor móstranos o risco que corren aqueles que como Yuri Trush dedícanse á protección do felino á vez que retrata moi humanamente as difíciles condicións do seu traballo e o abandono por parte das autoridades que atura a poboación.

Vaillant engade unha nota na páxina 46 facendo referencia á obra de Arseniev sobre Dersú Uzala na que remarca o carácter maleable dunha narrativa de non ficción que naquel tempo ninguén tenia interese en que fose presumiblemente certa ou verificábel. É unha nota que me sorprendeu. O texto de Vaillant, que incorpora unha interesante bibliografía e multitude de referencias a entrevistas e testemuños, non deixa de ter un ton algo sensacionalista e esaxerado, por exemplo cando describe ao tigre e á relación entre os homes e a taiga. Non dana á súa lectura, mais si que o afasta do relato obxectivo.

Hai un momento en que este ton non só non molesta, se non que se goza. Este é a parte final do libro, cando Yuri Trush e o resto de protagonistas se lazan na busca do tigre. A pé e coa única axuda dos cans. A forma máis arriscada pero tamén a máis segura de identificar e bater ao tigre que interesa e non a calquera outro. Aquí atopamos referencias á persecución de Moby Dick. É que Vaillant fálanos de moitos temas, facendo que a lectura expándase a outros momentos da historia, a outros lugares onde os humanos conviven con grandes cazadores, a outras obras literarias.

Vaillant non deixa de sinalar que os ‘rusos brancos’, os novos residentes da taiga, son os que, dalgún xeito, teñen unha peor relación coa natureza que lles rodea. Non teñen a actitude de respecto que si teñen os nativos, e non ven a necesidade de temer ao tigre. Mais Vaillant non deixa tampouco de sinalar o drama que isto supón, pois procedentes de lugares afastados e esquecidos pola súa xente non ten outra que buscarse a vida como poden nun lugar tan inhóspito como a taiga.

Dese xeito que aquela tigresa quería botarme da taiga. Pero onde iría eu? (p. 298)

A historia de vinganza: un tigre daría morte a un humano que lle roubou unha parte do xabaril que cazase. A historia de supervivencia: a de todos, homes e tigres, no extremo oriental de Rusia.

VAILLANT, John. El Tigre: una historia real de venganza y supervivencia. (The tiger: a true story of vengeance and survival. 2010). Traducción de Jordi Beltrán Ferrer. Barcelona: Debate, 2011. 381 p.; 23 cm. ISBN 9788499920269.
Advertisements
Estas entrada foi publicada en Tigre, Vaillant-John coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s