‘Las alas del dinosaurio’, de Sissel-Jo Gazan

Las alas del dinosaurio, novela policíaca e primeiro título de éxito da autora danesa Sissel-Jo Gazan, ten unhas poucas características que fan dela un espécime raro dentro do xénero. Para lectores coma min, que o tema dos dinosauros apareza dalgún xeito é un aliciente máis que chama á súa lectura.

Anna Bela Nor é unha estudante de bioloxía que ten que defender a súa tese. Deste xeito vehículase un dos temas da novela, que aínda que secundario, chamoume moito a atención. Anna Bela Nor atópase entre o fogo cruzado de dous grupos de investigadores, de “colexios invisíbeis”: os defensores das aves como dinosauros contemporáneos e os contrarios a esta hipótese, que defenden a independencia da clase.

“Esquece o libro– dixo bruscamente– e le polo menos quince artigos de autoras que sosteñan que as aves son dinosauros contemporáneos e outros quince de autoras que opinan o contrario. Entón veralo todo claro.”(p.42)

Anna Bela está de parte “dos bos”, dos primeiros, que están apoiados polos novos descubrimentos paleontolóxicos. [Teremos outra oportunidade de engadir ao Common Knowlegde de LT o descubrimento de fósiles como Sinosauropteryx, Confuciusornis ou Beipiaosaurus,?]. O achado de dinosauros con plumas elimina elementos diferentes entre estes e as aves, e por isto pasan a ser o mesmo grupo. Gazan tamén nos “coa” na trama algunha reflexión interesante sobre o mundo editorial académico:

“Tyberg explicoulle que o consello de redacción deste tipo de revistas adoitaba estar integrado por cinco redactoras con formación académica, o que –dito con outras palabras– equivalía a afirmar que a decisión de que asuntos científicos debían chegar á opinión pública estaba en mans de só quince persoas, cinco por cada unha da tres principais publicacións.” (p.44)

Mais Anna bela non pode optar ao seu título de doutora porque o seu titor morreu en circunstancias estrañas, un contaxio con larvas de parásitos (Taenia sp) que soamente pode interpretarse como intencionado. O inspector máis novo de Dinamarca, Soren Marhauge, investiga o caso.

A novela descobre liortas e contendas da vida dos académicos dun xeito xenial, constituíndo un dos aspectos máis chulos do libro como se desenvolve esta rivalidade entre investigadores. Las alas del dinosaurio é tamén unha novela moi urbana, onde as rúas de Copenhague teñen unha presenza destacada, así como o seu museo de zooloxía e a súa universidade. Un último aspecto destacábel é o desenvolvemento dos personaxes, que teñen vidas tan “movidas” como belixerante é o ambiente no museo. Un tema recorrente na narración son os fillos, dende varios puntos de vista. Fillos ilexítimos, custodiados, maltratados, perdidos, desexados, non-desexados, posiblemente-adoptados, rexeitados….. Ao principio pareceume un pouco excesivo que todos os personaxes tivesen algún episodio da súa vida que vinculase unha situación desgraciada con este tema. Mais Teresa, unha avantaxada lectora en novela negra escandinava, explicábame que o tema familiar é común a moitos autores e autoras. Será entón unha característica destes?

Gústenvos ou non os dinosauros, sexades ou non lectores do xénero (policíaco), non deixades de visitar Copenhague da man de Sissel-Jo Gazan. Paga a pena.

GAZAN, Sissel-Jo. Las alas del dinosaurio. (Dinosaurens fjer. 2008). Tradución de Blanca Ortiz Ostalé. Madrid: Alfaguara, [2011]. 494 p.; 24 cm. ISBN 9788420407241.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Alas del dinosaurio, Autores e autoras, Gazan-Sissel-Jo coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s