Evolución, de Stephen Baxter. Libro I: Ancestros

Unha das cousas que me chamou a atención deste libro é o seu título, que parece á primeira ollada o título dun manual académico. Por curiosidade busquei no catálogo dunha biblioteca que temos no barrio (a biblioteca da Facultade de Bioloxía da UB) onde atopei 15 entradas, todas elas de libros de ensaio ou especializados no tema. Mais Evolución de Stephen Baxter, trátase dunha novela.

Con esta particularidade comecei a súa lectura, preguntándome canta bioloxía evolutiva podía explicar (ou empregar) e se podería ser unha lectura recomendable para o noso club de lectura. Nun principio, cun peso de 480 páxinas, unha letra un chisco pequena e un palmarés de 0 premios… non semella un título doado de recomendar. O libro I (”ancestros”) é o que comentarei hoxe e deixo as dúas partes seguintes para outros días.

A novela abrangue un período de tempo dende 65 millóns de anos atrás até un futuro non fixado pero moi afastado. Neste sentido, non lembro ningún autor que se atrevese a falar sobre un intervalo de tempo tan longo. Aclaración continxente é dicir que o autor non é biólogo (é físico), pero que se documentou, e moito, na elaboración da novela é evidente. A min pareceume interesante esta mestura de dramatización da historia da vida que coñecemos e da interpretación que fai Baxter deste coñecemento.

“Deste xeito, xeración tras xeración, as poboacións de organismos seguían a pista dos cambios do mundo. Todas as variacións das especies que resultaban viables na nova contorna eran seleccionadas e aquelas que deixaban de ser viables desaparecían, mergulladas nos arquivos fósiles ou sumidas totalmente no esquecemento. Estas viravoltas eran interminables, como o proceso de axitación perpetuo. Mentres as variacións “requiridas” pola contorna atopábanse entre as variacións xenéticas dispoñibles, os cambios das poboacións podían ser moi rápidos… como descubrirían os humanos coas especies domesticadas de plantas e animais na procura da súa propia idea de perfección no seu patrimonio de criaturas viventes. Pero cando se esgotaban as variacións posibles, os cambios se estancaban até que aparecía unha nova mutación, acontecemento fortuíto provocado, quizais, pola radiación, que abría novas posibilidades de mutación. Isto era a evolución” [páx. 85]

Escollín este fragmento coa intención de ilustrar o ton da narración e tamén como pequeno aperitivo das ideas evolutivas que de tanto en tanto vai ofrecendo Baxter na novela. Até onde podo asegurar, corresponde certamente cunha definición de evolución moi correcta. Ademais, sinala entre liñas cara a outros temas moi interesantes. Falo agora mesmo do diferente ritmo evolutivo (gradualismo e saltacionismo) a que me evoca o autor cando fala da rapidez dos cambios nas poboacións. Tamén define a xeración de novas variantes, aínda que parcialmente, posto que fala unicamente da mutación producida polas radiacións.

Nin un único nin uns poucos personaxes son posibles, recordade o intervalo de tempo, pero si que hai un fío condutor que une as tres partes da novela. Trátase da liña evolutiva dentro dos primeiros mamíferos cara aos humanos. Purga (Purgatorius) é un dos protagonistas desta parte, que comeza co inminente impacto do meteorito a Chicxulub, que deixa vía libre á evolución dos mamíferos, e acaba cos antecesores dos homínidos a piques de facer o paseo pola sabana, a piques de lograr o bipedismo.

Volvo dicir que se trata dunha novela e que ninguén ten que coller esta lectura como substituto dun manual ou dun libro de ensaio. En todo caso, creo que a lectura é moi, pero que moi recomendable.

evolucion

Edición en castelán do título de Stephen Baxter

Baxter, Stephen. “Evolución”. (Evolution. 2002) Trad. de Manuel Mata Álvarez. La Factoría de Ideas: Arganda del Rey, 2004. 16.5 x 23. 480 pàg. (Solaris Ficción: 54) ISBN-10: 84-9800-0513.

O autor participa no blog colectivo do club de lectura ciència Bib. Les Corts Miquel Llongueras. Neste blog apareceu a primeira versión deste escrito.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Baxter-Stephen, Evolución coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s