Conexión Tubinga, de Alberto Canal

Non estou moi versado en temas relixiosos e comecei a lectura desta novela sen máis interese que encarar por fin a lectura do primeiro título do club de lectura, que os compañeiros e compañeiras de club xa comentaron. Conseguín o libro tarde, e tarde chego ao faladoiro.

Conexión Tubinga é a historia dun rapaz, Tito Besteiro, que estuda para cura. Tito é “un rebelde que quere entregarse a unha causa en que lle van esixir obediencia” (p. 34) aos ollos duns. Pero Tito non é rebelde porque si. É un bo lector de filosofía e fan duns poucos autores (Nietzsche e Fromm entre outros) que lidera un grupo de amigos nomeado “Os amigos de Zaratrusta” que se atopan para falar. Curioso e indagador pregúntase pola lóxica das cousas e as regras que ten que cumprir. Un amigo suxírelle a lectura do Existe Deus? De Hans Kung, e aquí comezan os seus problemas. Este título está expresamente prohibido e Tito non atende a esta prohibición que non entende xustificada. Alguén lle roubará o libro de Hans Kung. Na procura por saber quen é o ladroeiro, Tito vai descubrir moitos segredos dos seus mestres, da relación destes con Kung, con Sartre, duns monxes con outros e destes coa cidade de Tubinga cando foron estudantes nela (“Conexión Tubinga” é o título do caderno-diario que contén esta información). Na novela as mostras de intransixencia, de pensamento fundamentalista e sen razón son moitas, cando non atopamos actitudes crueis cara aos desobedientes. Non vos preocupedes por Tito, el remata ben acompañado.

Lín poucas críticas sobre Conexión Tubinga e moitas fan referencia (se cadra inevitábel) ao Código Da Vinci, en tanto que historia escrita co ar de bestseller e con trama eclesiástica. Quero dicir que non me parece xusta a comparación, gústame moito o título de Alberto Canal que me pareceu moito mellor. Conexión Tubinga é sinxelo, pero non é unha parvada. Non é efectista, e si é interesante na súa trama e na súa resolución. Non abusa para ren do discurso filosófico, pois os pensadores tratados son os mínimos para formular un debate ao redor da existencia ou non de Deus. Ademais, o discurso filosófico, cando aparece, nin é denso nin empacha. Agradecese tamén que a descrición de lugares non sexa extensa, e que o peso, o fío da historia sexan as relacións, o xogo psicolóxico entre personaxes.

Sen querer suxerir que sexa algo que falta na historia, e unha vez rematada a lectura e co libro xa pechado, pregunteime onde estaba a ciencia na actitude “vital” de Tito. Non estou a suxerir que sexa este método o xeito de atopar ou non a Deus. “Hai aspectos do ser humano que non se poden comprender por métodos estritamente empíricos” (p. 39): a procura non é empírica, senón moral. Pero o protagonista aspira ser xornalista, infórmase a partir da prensa diaria, é inevitábel para min pensar no método científico como ferramenta para tomar decisións. Pódese descartar a importancia da ciencia para comprender a nosa entorna? A ciencia non lle axudaría a resolver a dúbida. Non vai descubrir a Deus, e non pasa nada. Non quero parecer máis cientista do que o son en realidade, pero estou convencido de que a educación científica axuda ao afastamento de actitudes intransixentes, axuda a coñecer o mundo que nos arrodea e tamén a nós mesmos. Se os rapaces que estudan para relixiosos non comezan a súa carreira como o fan outros rapaces na materia que sexa (despois dunha educación obrigatoria e común), entón non estudan para coñecer nada. Adoutrínase nunhas ideas e pouco máis.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Canal-Alberto, Conexión Tubinga coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s