‘El duelo’, de Joseph Conrad

A relectura do relato sérveme para reafirmarme na miña interpretación. Non estou totalmente de acordo con aquilo que di a sinopse sobre “a evanescente natureza da ofensa”. Non quero ser contestatario nin corrector, e por encima de todo, desexo que a miña opinión non pareza estrafalaria. Probarei de explicarme, pero non de convencer.

Non teño ningún tipo de admiración que confesar cara a ningún militar, pero cualificalos a todos de mecánicamente temperamentais e  carecidos de intelixencia emocional paréceme un xuízo rápido. Pódese dicir que son individuos marcadamente adoutrinados, de acordo. Pero pode ser que todos acabemos sendo un pouco corporativistas dalgunha idea.

A historia de Armand De Hubert cativoume. E afirmaría que foi grazas á narrativa de Joseph Conrad.

Coincidía cunha persoa, non lembro quen, en que as historias de Conrad podíanse resumir en dúas liñas. A ver: Dous mandos do exército de Napoleón perpetúan durante (case) toda a súa vida a resolución dun duelo froito dunha suposta ofensa. Máis ou menos, vai así. Pero tamén coincidía con esta persoa (sigo sen recordar quen) que isto non implicaba simplicidade na trama nin no desenlace.

De Hubert ten que arrestar Feraud por baterse en duelo, cousa non permitida por Napoleón en tempo de guerra. Pero Feraud recibe como unha ofensa imperdoable que a detención se faga ante a bela Madame de Lionne e reta De Hubert a un duelo. Este non quere fuxir da suposta provocación medio sorprendido da situación, co pensamento que Feraud é unha persoa visceral. Esta xusta quedará pendente durante moito tempo, porque non se resolve ao primeiro encontro nin ós posteriores. Pero, ¿é a obstinación dos dous tenentes a que fai esta disputa irracional e tan duradeira? Si, pero non na medida como poderiamos pensar. Armand De Hubert non quere transixir ante Feraud. El ten razón, el é inocente , responderá máis adiante á pregunta de si se trata dunha causa nobre. (Descubriremos tamén un pouco máis tarde que Madame de Lionne é a súa irmá) De Hubert é medido, dilixente, profesional diriamos agora. Pero non “sente as cores”. Ou non tanto como Feraud, que non é menos dilixente pero sí máis impulsivo. Feraud acusará a De Hubert de non estimar ao emperador. E esta acusación será asumida por todo o mundo como certa. Isto afectará ao segundo, que xa non saudará como antes, quizais máis decepcionado que doído co seu entorno, e dándose conta que aquilo que tería que atopar neste momento é unha muller. Eu penso que De Hubert mantén pendente a xusta porque deste xeito é fiel a si mesmo, é congruente co seu convencemento. Outras cousas cambiaron, déronse acontecementos que cambiaron irremediablemente. Quédanos ser fieis a nós mesmos, preservar un xeito de pensar que forma parte da nosa identidade. O Barón chega até interceder a favor de Feraud para evitar que este sexa executado pola súa fidelidade a Napoleón, agora derrotado e encarcerado. De Hubert podería deixar de andar xunto ao abismo e deixar de expoñer a súa vida na morte. Pero non o fai.

O Barón atopa unha prometida coa irmá como mediadora, da que non espera outra cousa que un amor verdadeiro. Con este aire orgulloso e esixente fálanos Conrad de De Hubert ao comezo do cuarto capítulo. Eu digo que é (só) para acentuar o xiro conradiano do personaxe, que se producirá nesta parte do relato. A fin do duelo servirá non só para que o Barón se libere do desazo que lle producía a posibilidade de morrer así. Tamén lle servirá, involuntariamente, para comprobar a sinceridade dos sentimentos da moza. (Esta presentarase de madrugada en casa do Barón co desexo de paralo)

Non quero explicar con detalle como se resolve a xusta, paréceme “antipático” explicar como é o final dunha historia (dei suficientes detalles en todo caso). Pola contra, penso que se hai finais que se poden explicar sen chafar a lectura estes son os das historias de Joseph Conrad, posto que a súa maxia está en como están narrados e non tanto en como acontece o desenlace.

O ano pasado lía a tradución de Fernando Jadraque (Madrid: Valdemar, 2005) e antes de facer este escrito a de Arturo Agüero Herranz (Madrid: Alianza, 2008). Esta é a interpretación que fago do relato, estes son os pensamentos que me provocou. Se liches até aquí… Graciñas.

A primeira versión en castelán apareceu no blogue “Lecturas errantes“. A segunda versión en catalán apareceu no blogue “Club de lectura ciència Biblioteca Les Corts Miquel Llongueras“. E por fín en galego: aquí.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Conrad-Joseph, Duelo: un relato militar coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s